lunes, 16 de mayo de 2011

Diario de Ignacio (cuñaoo) sobre el 3º viaxe ao caurel.

Otro punto de vista ( se recomienda leer antes el 3º viaxe O Courel)

22-08-05 DESORDENADOS PREPARATIVOS.

Por agora acabouse o de madrugar, por fin estou de vacacións. Fun comer á casa de María, recollín suministros para Irene e Fernando e despois das pertinentes advertencias acerca de lobos violadores e demais seres agresivos do Courel saín cara Lugo. Cola incrible na autopista e obras cada quince kilómetros ata Lugo PPUUUFFFF.
Xa en Lugo acompaño a Fernando e Irene ó Carrifú por que parece ser que o coche de Fernando non pasa a I.T.V. e necesita uns abusivos arranxos e logo da pertinente negociación alí queda, uummm teño a impresión de que a Fernando non lle fai demasiada gracia a futura factura, pero ou iso ou non pasa.
Despois de buscar no Carrifú e en Chinatown (sucursal autorizada Lugo) xa teño taza, poncho e todo o que preciso.
Pola noite poñémonos coa mochila, un proceso interminable, sempre se esquece algo (son as 12:30 e aínda non rematamos), supoño que entre pitos e frautas o tempo pasa.



23-08-05 ¡¡¡¡ QUE COMIENCEN LOS JUEGOS !!!!

Por fin o meu primeiro día no Courel, ¿por onde comezar?, ben pois polo principio e contando simplemente o que pasou e como foi sucedendo todo nesta grande aventura que imaxinaba de caracter bucólico, pero que mais ben foi unha proba físico-mental (ou algo).
Erguémonos tarde, ás 08:45, e tivemos que ir ó taller do Carrifú por que a Fernando quedáraselle a brúxula, elemento indispensable da viaxe e como xa contarei sácate de mais dun apurillo. Logo curta viaxe no “Silver Bullet” (se e que é moito o meu carro) ata Pedrafita onde paramos a tomar un nutritivo almorzo, conseguimos azucre en sobres e “roupa interior” para Fernando. Volvemos ó coche e fomos por unha carreteira algo tortuosilla pero con unhas vistas moi fermosas. A fin en Seoane, aparcamos o coche, e aquí comeza de verdade a historia............
 

Primeiro sendeiro entre prados e un río, fermoso e non demasiado difícil (aínda que teño que admitir que nada mais comezar eu xa estaba tentando alentar), aínda que tivemos que dar un par de voltas, non sei se pola ausencia de sendeiros claros, ou pola noso descoñecemento dos sinais de sendeiro. Pero sempre se pode contar con que Fernando saque de mapa e ala a tirar (curiosamente sempre costa arriba ;p). Despois de algunha que outra costa de digamos uns 90 grados de inclinación e algúns roces con silvas e ortigas retomamos o bo camiño. Neste camiño xa mais claro topamos un monte con un montón de sequeiros (pequenos casetos para a seca da castaña) e un muíño escondido entre as árbores con unha sorpresa dentro....
Paramos nun apartado do camiño a comer, de lado do que parecía un regato no que a Fernando non lle pareceu adecuado coller auga, algo que celebro xa despois de prepara os bocatas apareceu unha señora con unhas vacas e un can (equipo básico de pastores, moi de moda nesta zona), que se introduciron no regato e tiveron o detalle de mexar nel. Mantivemos unha pequena conversa coa señora sobre o seu fillo (opositor frustrado) e logo de preparar outro lume, o outro apagouno Fernando ó estilo Ronaldo para non asustar ós animais da señora, fixemos té con extra de azucre e comezamos a subida á Devesa de Paderne. É realmente bonita con moitas especies autóctonas, foi unha lástima non poder entrar algo nela, tamén vos podo dicir que é inclinada ou incluso pode que mais inclinada, joder É MOI INCLINADA, ben, co paso dos dous días seguintes aprendería que aquí todo é inclinado, é o que teñen as montañas. Por sorte á metade da subida topamos unha fonte, algo sospeitosa segundo Fernando, pero bebemos igual. Logo de lamentar durante uns tres segundos non haber levado pastillas potabilizadoras continuamos e despois duns cantos litros mais de suor chegamos ó cume
Unha vez arriba comezaron os problemas coas pistas e sendeiros, que se resolveron sen problemas gracias á brúxula máxica e ó mapa. Dirixímonos cara onde segundo as indicacións do mapa estaba unha das covas que Fernando quería ver, pero despois dunhas cantas inspeccións cos prismáticos e de revisar algúns camiños secundarios rematou pensando que non era esa a zona das covas e que tiñamos que continuar, que quizais tivesemos mais sorte coa próxima cova que había na ruta. Seguimos, e esta vez costa abaixo, sinceramente non pensei que o diría; subir é duro, pero nada comparado con ter que baixar. Enriba engadirlle que de listo fixen un rebaixe de uñas dos pes a paño co dedo e estábao pagando nos dedos gordos, non con dor pero cunha molestia constante que digamos : “non me permitía gozar da beleza da paisaxe” (ou algo), ademais había que sumar a frustración contaxiosa de Fernando ó non topar as dichosas covas que non aparecían por ningures, incluso subimos por unha ladeira moi prometedora cara un saínte a golpe de machete, pero para nada (unha lástima), e logo a baixada dun cortafogos, un deses que o ves de lonxe e dis “Bah con la punta me lo subo” (una miiiieeerda), foi un descenso tremendo porque estaba feito de pedra tipo pizarra, que resulta bastante incomoda e resbalosa. Ben á fin chegamos a unha pista forestal que nos levou a unha carreteira asfaltada, creo que ambos coas forzas bastante xustas. E alí no medio de nada, sen auga e no momento xusto “OOOOOOOO MILAGRE, GRITADE COMIGO IRMÁNS”, apareceu surcando a carreteira serpenteante unha furgo de conxelados cando estabamos cerca do Castro da Torre, por suposto impúxose a compra de sendos bricks de delicioso, purificador, agradable, doce, fresco, nutritivo, repoñedor, sano, agradable, frío e outra vez reparador zume de algo (Pascual iso si, que hai que coidarse), que nos bebemos a velocidade de pasmo.
Seguimos pola carreteira asfaltada o ¿¿par?? de kilómetros que o da furgo nos dixo que faltaban ata o pobo de Sobredo en busca de auga para pasar a noite (cea, beber, té, etc.) e uns guiris que viñan dando un paseo indicáronnos que un pouco mais adiante poderíamos atopar auga. Así que “ala tira pa`la fuente”. Unha vez alí decidimos que sería mellor non pasar a noite no Castro xa que alí non teriamos auga, así que tiramos coa mochila que a esas horas me pesaba como uns mil quilos (quilo arriba, quilo abaixo), e puxémonos a buscar un sitio cerca da fonte para pasar a noite. Logo dunhas cantas voltas mostreille a Fernando unha carballeira de lado do pobo que lle pareceu perfecta xa que no pobo había un pilón con abundante auga. Montamos o “habitáculo”, mellor dito Fernando montábao e eu entorpecíao facendo mal o pouco no que ese día fun quen de axudarlle (ninguén naceu aprendido). Finalmente estaba listo, todo preparado e esperando que puidesemos durmir, porque nos advertiran que neses días mataran un xabarín moi preto de onde estabamos acampados, vamos moi tranquilizador para a miña primeira noite, coño, asustáronme os ollos dun gato que andaba pola carballeira, se aparece un xabarín ¿que?.













Puxémonos coa cea, excelente menú: “Delicias de auga con granulado de sopa”, todo elo aderezado segundo o chef Fernando con cen quilos de allo en tacos como de xamón ó que lle dei dúas dentelladas das que aínda non se me foi o sabor.
Como conclusión deste primeiro día debo dicir que como excursionista son un pequeno desastre, pero podo tamén dicir na miña defensa que se require unha preparación mínima para este tipo de saídas que eu non tiña, xa que ignoraba cousas tan básicas (e importantes) como o uso das cintas e tiras dunha mochila, que facilitan bastante o seu uso. Tamén que fisicamente non estou tan mal como cabería pensar pola vida que levo. ¡¡Joer que ben vivo!!. En fin un día estupendo, a ver mañá. Ale a soñar cos porquiños.

Continuara....

Vistas de página en total

Buscar este blog